Saturday 20 de April de 2024

A Mesa de Coordinación Policial contra a Violencia de Xénero reuniuse hoxe no concello


O Concello reitera o agradecemento a todos os sectores profesionais representados nas dúas mesas sectoriais.

O Salón de Plenos da Casa do Concello acolleu esta mañá unha nova reunión da mesa de traballo sobre coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero na que participan representantes do Concello e das forzas e corpos de seguridade.

A sesión foi copresidida polo alcalde, José Manuel López Varela, e a directora do Centro de Información ás Mulleres da Laracha, Ana Aldao, e contou coa presenza da concelleira de Muller, Rocío López, do comandante do posto da Garda Civil da Laracha, Miguel Rodríguez, do xefe de Policía Local da Laracha, Víctor Vilanova, e dunha representante do equipo de VioGén do posto da Garda Civil de Carballo, Concepción García.

Tal e como é habitual nestas xuntanzas, os asuntos a tratar consistiron na revisión das ordes de protección e tamén das altas e baixas do programa ATENPRO, o servizo telefónico de atención e protección para mulleres que sofren violencia de xénero. Así mesmo foron repasados os mecanismos de coordinación e os protocolos de actuación ante a detección de posibles casos desta natureza.

O Concello reitera o agradecemento a todos os sectores profesionais que teñen representación nas dúas mesas sectoriais sobre coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero -a de coordinación policial e tamén a educativo-sanitaria que se reunira recentemente- por estar sempre dispostos a acudir a estas reunións que se celebran cuatrimestralmente para favorecer a cooperación ante esta problemática social.